Buscar en este blog

Archivo del blog

martes, 9 de julio de 2024

Bóveda Slam Poetry. GRAN FINAL 2024

Dende a esquerda: Galego de Caracas, Xosé Casar,
Gardián da Torre, Roberto do Pacio, Paloma Sas,
José Antonio e Yolanda Alcas. Falta na foto María
Barrado, que tivo que marchar antes de finalizar o
encontro.

 

BÓVEDA SLAM POETRY XA TEN REPRESENTACIÓN NO POETRY SLAM ESTATAL.


   Encetamos esta aventura de poesía escénica en marzo de 2023 no centro sociocultural de Bóveda. Fixéronse seis encontros na tempada, incluída unha Gran Final que se celebrou na casa da antiga escola de Ribas Pequenas. Foron os seis encontros que Poetry Slam España exixe ter feitos para poder inscribirse na asociación e poder participar nos campionatos estatais que se celebran anualmente. Colaboraron cedéndonos o seu espazo para a realización dos sucesivos encontros, ademais do centro sociocultural e a casa da antiga escola de Ribas, o Restaurante Paco e o Hotel Restaurante Arume, ámbolos dous pertencentes á localidade de Rubián, en Bóveda.

   Xa inmersos no circuíto oficial de Poetry slam España, o día 21 de xaneiro fixemos o noso primeiro encontro da tempada. Despois de cinco eventos, chegamos á celebración da Gran Final o pasado día 6 de xullo no centro sociocultural. Foron meses de intenso traballo, moitos nervios e tamén de moitísima ilusión.

   Participaron na Gran Final os e as “slammers” que ficaron clasificados/as nos sucesivos encontros e que correspondían aos gañadores de cada un deles e ás dúas mellores segundas posicións da tempada. Tamén participou, como estaba acordado, o gañador da Gran Final da tempada de preinscrición, Galego de Caracas. Así, loitaron a golpe de versos nesta Gran Final: Yolanda Alcas, María Barrado, Paloma Sas, José Antonio, Xosé Casar (Piteira), Gardián da Torre, Roberto do Pacio e Galego de Caracas.

   Estaba en xogo a participación no XIII campionato estatal, este ano organizado por Potry Slam Santander. O campionato celebrarase nos días 17, 18 e 19 de outubro en Santander. Os nervios eran evidentes. Tivemos a sorte de ter con nós a Valentina’s Band, un grupiño formado por dúas guitarras e unha vocalista que encetando o evento, acougaron a poetas e organizadores coa interpretación de varias pezas que recibiron a ovación do público.

   Ao finalizar o combate, o colectivo KulturN’aldea, organizador do slam, agasallou aos participantes, antes de face-la entrega de premios, cunha bolsiña de tea coa inscrición Bóveda Slam Poetry-KulturN’aldea.

   O público decidiu, a través das puntuacións que lles deu aos poetas, que os gañadores desta Gran Final fosen: Xosé Casar, Galego de Caracas e Yolanda Alcas, que recibiron as cuncas de ouro, prata e bronce respectivamente. Fixo entrega das cuncas a concelleira de cultura do Concello de Bóveda, Cristina Xuíz.

GALEGO DE CARACAS REPRESENTARÁ A BÓVEDA SLAM POETRY NO XIII CAMPIONATO ESTATAL.

 

Galego de Caracas (Simón Rodríguez)

  O resultado outorgaba a Xosé Casar a praza para competir no XIII campionato estatal que se celebrará en Santander. Non obstante, o poeta comunicou que por mor de motivos persoais que lle impiden ter libres as datas nas que se celebrará, non poderá asistir ao campionato. Xosé agradeceu o premio e cedeu a súa praza a quen acadou a segunda posición, estando seguro de que Bóveda Slam Poetry estará moi ben representado en Santander por Galego de Caracas. Foi un momento moi emotivo no que tódolos poetas se abrazaron e se felicitaron. Xosé pasoulle o micrófono a Simón Rodríguez, nome real de Galego de Caracas, autor do poemario A outra patria, obra que recibiu o premio de poesía O Facho 2023. Simón agradeceu o inesperado acontecemento e para finalizar interpretou outro dos seus poemas.


   KulturN’aldea agradece ao concello de Bóveda, á libraría Pelayo, á escola de arte "Creativa", ao restaurante Paco, ao restaurante Arume, ao centro sociocultural de Bóveda, aos veciños de Ribas Pequenas e o público de cada encontro, peza fundamental do slam, o seu apoio e a súa colaboración neste evento cultural, pensando xa na organización da terceira tempada.


KulturN’aldea, xullo 2024.

No hay comentarios:

Publicar un comentario