Buscar en este blog

domingo, 5 de febrero de 2012

ATURULOS

 
Xa se escoitan nos camiños,
xa os escoito aturular,
alugados e fouciños
acó veñen a segar.

Veñen de lonxe os seus pasos,
lonxe deixaron o lar,
o sol queimándolle a fronte
premendo a fouce nas mans.

Cantando polo camiño
á chousa chegando van,
veñen face-la seitura,
 é a colleita do pan.

Levan nos seus aturulos
medicina para curar
a saudade que padecen
no seu duro camiñar.

E nos aturulos teñen
menciña para acougar
dores por andar tan lonxe,
ai, tan lonxe do fogar.


Safe Creative #1202051031883

viernes, 3 de febrero de 2012

EU VINO

E vexo o tempo,
olla, olla ben.
Non o ves?
Aló, riba do pensamento,
trala mirada dos soños.
Aló, naquela artesa,
trala cociña, lonxe da brisa.
Non o ves?
Aló, no bruar dos carballos,
nos olores das xestas.
Eu vino,
olla…
Aló, tralas noites sen lúa,
noites pechadas dun inverno frío.
Olla, olla ben. Non o ves?
Fíxate ben!
Aló, nas pegadas do camiño,
nas rodeiras do carro,
nos xugos, nas cangas…
Aló, lonxe, moi lonxe,
nos prados, nos valados,
nos outeiros…
Aló, lonxe, moi lonxe,
aló o vexo,
aló, o tempo.


Safe Creative #1202021017749