Buscar en este blog

viernes, 18 de febrero de 2011

CONGOXAS DA NOITE

Ouvean os cans
na noite pechada,
cantan os grilos
de escuros valados
e aluman a corga,
acó e acolá,
tenues candeas
que veñen e van.
Eu vou polo medio
e sinto uns pasos
moi preto de min,
e aperto, e apuro,
non sexa que cheguen
denantes que min.
Escura ribeira
que eu hei de pasar,
escuro camiño
á beira do río.
No peito a congoxa
faime apurar
e miro pra diante
pois quero chegar
e verme axiña
nese meu lar.
E aquelas candeas
que van canda min
amansan as feras
e botan de alí
os medos que amosan
no meu camiñar.
E chego por fin,
e pecho a portada.
E fóronse os medos
que andaban comigo,
quedáronse fóra
no escuro camiño
aló na ribeira
na beira do río.
E quedan con eles
ouveos de cans,
os grilos cantando
e tenues candeas
que veñen e van.

Safe Creative #1102178524155