|
Dende a esquerda: Galego de Caracas, Xosé Casar, Gardián da Torre, Roberto do Pacio, Paloma Sas, José Antonio e Yolanda Alcas. Falta na foto María Barrado, que tivo que marchar antes de finalizar o encontro. |
BÓVEDA SLAM POETRY XA TEN
REPRESENTACIÓN NO POETRY SLAM ESTATAL.
Encetamos esta aventura de
poesía escénica en marzo de 2023 no centro sociocultural de Bóveda.
Fixéronse seis encontros na tempada, incluída unha Gran Final que
se celebrou na casa da antiga escola de Ribas Pequenas. Foron os seis
encontros que Poetry Slam España exixe ter feitos para poder
inscribirse na asociación e poder participar nos campionatos
estatais que se celebran anualmente. Colaboraron cedéndonos o seu
espazo para a realización dos sucesivos encontros, ademais do centro
sociocultural e a casa da antiga escola de Ribas, o Restaurante Paco
e o Hotel Restaurante Arume, ámbolos dous pertencentes á localidade
de Rubián, en Bóveda.
Xa inmersos no circuíto
oficial de Poetry slam España, o día 21 de xaneiro fixemos o noso
primeiro encontro da tempada. Despois de cinco eventos, chegamos á
celebración da Gran Final o pasado día 6 de xullo no centro
sociocultural. Foron meses de intenso traballo, moitos nervios e
tamén de moitísima ilusión.
Participaron na Gran Final
os e as “slammers” que ficaron clasificados/as nos sucesivos
encontros e que correspondían aos gañadores de cada un deles e ás
dúas mellores segundas posicións da tempada. Tamén participou,
como estaba acordado, o gañador da Gran Final da tempada de
preinscrición, Galego de Caracas. Así, loitaron a golpe de versos
nesta Gran Final: Yolanda Alcas, María Barrado, Paloma Sas, José
Antonio, Xosé Casar (Piteira), Gardián da Torre, Roberto do Pacio e
Galego de Caracas.
Estaba en xogo a
participación no XIII campionato estatal, este ano organizado por
Potry Slam Santander. O campionato celebrarase nos días 17, 18 e 19
de outubro en Santander. Os nervios eran evidentes. Tivemos a sorte
de ter con nós a Valentina’s Band, un grupiño formado por dúas
guitarras e unha vocalista que encetando o evento, acougaron a poetas
e organizadores coa interpretación de varias pezas que recibiron a
ovación do público.
Ao finalizar o combate, o
colectivo KulturN’aldea, organizador do slam, agasallou aos
participantes, antes de face-la entrega de premios, cunha bolsiña de
tea coa inscrición Bóveda Slam Poetry-KulturN’aldea.
O público decidiu, a
través das puntuacións que lles deu aos poetas, que os gañadores
desta Gran Final fosen: Xosé Casar, Galego de Caracas e Yolanda
Alcas, que recibiron as cuncas de ouro, prata e bronce
respectivamente. Fixo entrega das cuncas a concelleira de cultura do
Concello de Bóveda, Cristina Xuíz.
GALEGO DE CARACAS
REPRESENTARÁ A BÓVEDA SLAM POETRY NO XIII CAMPIONATO ESTATAL.
|
Galego de Caracas (Simón Rodríguez) |
O resultado outorgaba a
Xosé Casar a praza para competir no XIII campionato estatal que se
celebrará en Santander. Non obstante, o poeta comunicou que por mor
de motivos persoais que lle impiden ter libres as datas nas que se
celebrará, non poderá asistir ao campionato. Xosé agradeceu o
premio e cedeu a súa praza a quen acadou a segunda posición,
estando seguro de que Bóveda Slam Poetry estará moi ben
representado en Santander por Galego de Caracas. Foi un momento moi
emotivo no que tódolos poetas se abrazaron e se felicitaron. Xosé
pasoulle o micrófono a Simón Rodríguez, nome real de Galego de
Caracas, autor do poemario A outra patria, obra que recibiu o premio
de poesía O Facho 2023. Simón agradeceu o inesperado acontecemento
e para finalizar interpretou outro dos seus poemas.
KulturN’aldea agradece ao
concello de Bóveda, á libraría Pelayo, á escola de arte "Creativa", ao restaurante Paco, ao
restaurante Arume, ao centro sociocultural de Bóveda, aos veciños
de Ribas Pequenas e o público de cada encontro, peza fundamental do
slam, o seu apoio e a súa colaboración neste evento cultural,
pensando xa na organización da terceira tempada.
KulturN’aldea, xullo 2024.