Buscar en este blog

sábado, 10 de octubre de 2009

A FONTE

.
Esa fonte que hai no outeiro
pretiño da miña casa,
esa fonte está soíña
que ninguén vai visitala.
Nacía nela, fresquiña,
unha auga limpa e ben clara,
unha auguiña que eu bebía
sen sede, só por probala
e senti-la súa vida
correndo pola garganta.
Esa fonte que hai no outeiro
pretiño da miña casa.

As risas dunhas mulleres
que de xeonllos estaban
ó pé dos seus lavadoiros
torcendo roupa mollada
chegan ó meu pensamento,
veñen soas, sen chamalas,
cunhas baldetas ben cheas
que na cabeza levaban,
andando polo carreiro,
ergueita a súa mirada,
foron á fonte primeiro
e volven da fonte á casa.

Esa fonte que hai no outeiro,
que por ela xa non pasan
lavadoiros de madeira
que unhas mulleres levaban
nin mociños calorosos
que nela se refrescaban,
esa fonte que hai no outeiro
xa non ten auguiña clara
e as herbas do monte bravo
déixana toda atoada,
acóchana dos meus ollos,
alónganma da mirada.

Fentos, silvas e carqueixas,
piornos, toxos e xestas
enceréllanse hoxe nela,
aínda que moito medren
non poderei esquecela.


Safe Creative #1103268816747

2 comentarios:

  1. Préstame andar por aquí. Gústame esa nostalxia que pos nos versos que escribes, e máis se está pensado e expresado co corazón, desde tan lonxe.
    Un saúdo.

    ResponderEliminar
  2. Querido Xóse de fuente a fuente, la tuya corre el manantial en dulce gallego, la mía en un alegre andaluz y las dos nos traen los mismos recuerdos
    un placer leerte a pesar de la dificultad que tiene para mi tu idioma materno un abrazo Carmen

    ResponderEliminar