Buscar en este blog

Archivo del blog

Mostrando entradas con la etiqueta PRETIÑO DO MAO. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta PRETIÑO DO MAO. Mostrar todas las entradas

domingo, 5 de febrero de 2012

ATURULOS

 
Xa se escoitan nos camiños,
xa os escoito aturular,
alugados e fouciños
acó veñen a segar.

Veñen de lonxe os seus pasos,
lonxe deixaron o lar,
o sol queimándolle a fronte
premendo a fouce nas mans.

Cantando polo camiño
á chousa chegando van,
veñen face-la seitura,
 é a colleita do pan.

Levan nos seus aturulos
medicina para curar
a saudade que padecen
no seu duro camiñar.

E nos aturulos teñen
menciña para acougar
dores por andar tan lonxe,
ai, tan lonxe do fogar.


Safe Creative #1202051031883

viernes, 3 de febrero de 2012

EU VINO

E vexo o tempo,
olla, olla ben.
Non o ves?
Aló, riba do pensamento,
trala mirada dos soños.
Aló, naquela artesa,
trala cociña, lonxe da brisa.
Non o ves?
Aló, no bruar dos carballos,
nos olores das xestas.
Eu vino,
olla…
Aló, tralas noites sen lúa,
noites pechadas dun inverno frío.
Olla, olla ben. Non o ves?
Fíxate ben!
Aló, nas pegadas do camiño,
nas rodeiras do carro,
nos xugos, nas cangas…
Aló, lonxe, moi lonxe,
nos prados, nos valados,
nos outeiros…
Aló, lonxe, moi lonxe,
aló o vexo,
aló, o tempo.


Safe Creative #1202021017749

jueves, 19 de enero de 2012

LEMBRANZAS

 
Orballo de mañanciña,
cheiro de terra mollada,
verdor daquela herbiña
que a choiva deixou deitada.

 Paisaxe mudo de inverno
de folerpas ben estrado,
fumeira urxida do averno
riba dun monte furado.

 Andan as burgas fervendo
o sangue do noso chan,
feitizos andan facendo
meigas que veñen e van.

 Nos soños andan á espreita
lembranzas daqueles días
voando de esquerda á dereita,
voando nas noites frías.


 Safe Creative #1201180934850

domingo, 6 de noviembre de 2011

CANTIGAS DO SAMAÍN



O samaín xa chegou
e con el a xente nosa,
que a escura raia pasou,
xa saíu da negra fosa.

Temos que prender o lume
e nel asar os bullós;
ten que verse ben o fume
para que cheguen onda nós.

Temos que tratalos ben
pois de lonxe veñen vernos;
algún día nos tamén
voltaremos dos avernos.

Que se senten onde as chamas
e que os coman ao quentiño,
que se deiten nesas camas,
deles foran aloumiño.

Canda eles comeremos
e beberemos bo viño
e con eles cantaremos
cantigas para o camiño.

Chegando o día se irán
e quedará a escuridade,
mais as lúas pasarán,
despois virá a claridade.

O samaín xa chegou
e con el a xente nosa,
que a escura raia pasou,
xa saíu da negra fosa.
  
Safe Creative #1111050455166

sábado, 26 de marzo de 2011

SENSACIÓNS

Aloumiño da brisa
e vento que zoa,
baixando da serra
sentino na chousa.

Cheiro de xestas
que voa no ar,
arume espallado
na beira, no chan.

E brúan piñeiros,
lonxe, na serra,
e chega ata aquí
ruxido do vento
que vén onde min.

Recordo de olores,
que baixan do monte,
lembranza do tempo
que axiña pasou,
a fonte sequiña
no fin do camiño,
o rego que outrora
auguiña levou.

E quedan lembranzas
e soños de neno,
devezos arcanos
que nunca serán.
Esquecen no vento
antigas quimeras
que lonxe quedaron
e non tornarán.

Deixei as pegadas
do meu camiñar
cheíñas de orballo
e branco luar,
cheíñas do tempo
que camiñamos
marcando carreiros
que voan ó mar.

Aloumiño da brisa
e vento que zoa,
baixando da serra
sentino na chousa.

Safe Creative #1103268816747

viernes, 18 de febrero de 2011

CONGOXAS DA NOITE

Ouvean os cans
na noite pechada,
cantan os grilos
de escuros valados
e aluman a corga,
acó e acolá,
tenues candeas
que veñen e van.

Eu vou polo medio
e sinto uns pasos
moi preto de min,
e aperto, e apuro,
non sexa que cheguen
denantes ca min.

Escura ribeira
que eu hei de pasar,
escuro camiño
á beira do río.
No peito a congoxa
faime apurar
e miro pra diante
pois quero chegar
e verme axiña
nese meu lar.

E aquelas candeas
que van canda min
amansan as feras
e botan de alí
os medos que amosan
no meu camiñar.

E chego por fin,
e pecho a portada.
E fóronse os medos
que andaban comigo,
quedáronse fóra
no escuro camiño
aló na ribeira
na beira do río.

E quedan con eles
ouveos de cans,
os grilos cantando
e tenues candeas
que veñen e van.

Safe Creative #1102178524155

lunes, 23 de agosto de 2010

A LÚA CHORA

Saíu a Lúa chorando
pois non te viu,
e vaise chorando a Lúa
que non durmiu.
Agochada nesa nube
xa non se quere alongar.
Que non a vexan chorando!
Que non a vexan chorar!
Cando te vexa, querida,
cando te vexa chegar,
vaille saír o sorriso,
vaiche deixar de chorar.
Achégate pronto, neniña,
achégate a este lugar
que quero ver esta noite
cheíña de branco luar.

Safe Creative #1009087279810

miércoles, 28 de julio de 2010

QUE NON CHORE

E non quero, non quero,
esa noite, negra noite,
non a quero.
Noite pechada,
pasas de vagar,
deixa que veña
o claro luar.
Que chegue ven pronto,
que veña cediño,
que chora o meu neno,
que che ten mediño.
Non deixes, noite negra,
non deixes que chore
que os ollos dos nenos
só queren as flores.

sábado, 10 de octubre de 2009

A FONTE

E voltou!

.

Esa fonte que hai no outeiro
pretiño da miña casa,
esa fonte está soíña
que ninguén vai visitala.
Nacía nela, fresquiña,
unha auga limpa e ben clara,
unha auguiña que eu bebía
sen sede, só por probala
e senti-la súa vida
correndo pola garganta.
Esa fonte que hai no outeiro
pretiño da miña casa.

As risas dunhas mulleres
que de xeonllos estaban
ó pé dos seus lavadoiros
torcendo roupa mollada
chegan ó meu pensamento,
veñen soas, sen chamalas,
cunhas baldetas ben cheas
que na cabeza levaban,
andando polo carreiro,
ergueita a súa mirada,
foron á fonte primeiro
e voltan da fonte á casa.

Esa fonte que hai no outeiro,
que por ela xa non pasan
lavadoiros de madeira
que unhas mulleres levaban
nin mociños calorosos
que nela se refrescaban,
esa fonte que hai no outeiro
xa non ten auguiña clara
e as herbas do monte bravo
déixana toda atoada,
acóchana dos meus ollos,
alónganma da mirada.

Fentos, silvas e carqueixas,
piornos, toxos e xestas
enceréllanse hoxe nela,
aínda que moito medren
non poderei esquecela.


Safe Creative #1103268816747

domingo, 20 de septiembre de 2009

RIO MAO




Río Mao, río Mao,
o río da miña aldea,
que pasaches amodiño
enchendo de vida as veigas
dándolle verde fresquiño
a esa herbiña das lameiras.

Coñecinche auguiña clara
mais agora, qué foi dela
que medra nos teus remansos
esa fea escuma negra?

Cantos prados ti regaches,
e leiras de froito cheas,
e lamelas alagaches
pretiño das túas ribeiras.

E canta sede apagaches
tanto a homes como a bestas,
mais hoxe no teu camiño
xa só quedan fontes secas.

Río Mao, río Mao,
o río da miña aldea.



Safe Creative #1103268816747