Buscar en este blog

Archivo del blog

Mostrando entradas con la etiqueta GALEGO. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta GALEGO. Mostrar todas las entradas

martes, 29 de septiembre de 2020


 Cantos camiños andei,

cantos voltei camiñar,

cantos carreiros soñei,

cantos á veira do mar.


Lonxe quedaron os soños

de neno que agarda soñar,

lonxe os olliños que ollaban

noites de branco luar.

sábado, 12 de agosto de 2017

Soños afundidos


Xa caeron,
xa caeron naquelas penas
os anacos dos meus soños.
Xa caeron esgazados,
magoados, trepanados,
maldicidos, delatados...
Xa caeron derrotados
nesas penas estrelados.

Vós deixastes que morresen

coma a herba nas gadañas,
vós pechastes as alxubes,
vós queimastes neses fornos
e afundistes nesas lamas
as lembranzas máis fermosas.
Vós quixestes que quedasen
na memoria para sempre
os recordos máis coitados.

Mais non choro.

Eu non choro, que non quero
por non darvos máis ledicia.
Eu non choro, que non quero.
Inda que os soños me roubastes
non vos riredes de min,
anque non me queden xa soños
eu de vós heime de rir.

jueves, 3 de agosto de 2017

Camiños de aldea


Camiños da miña terra:
Ás veces de barro,
ás veces de pedra.
Camiños polos que andaba
o gando pro monte,
o carro pra a leira.

Camiños da miña terra!

Aqueles camiños lembro:

Corgas de pastores,
corgas de labregos,
camiños cheos de traballos,
cheíños de dor
e de sufrimento...

Aqueles camiños lembro!

Mais tamén lembro camiños

de orballo na herba,
de sol na ribeira,
camiños polos que andaban
cativos pra escola
e mozos pra feira...

Pois eses tamén os lembro!


HOMENAXE A MANUEL MARÍA



Escribín este poema especialmente para "Manuel María, libro colectivo de homenaxe no seu día das Letras Galegas, 17 de maio de 2016".

Incluín nesta entrada o meu poema, "A Ribas Pequenas", e máis o relato da Anastàsia Aranda, "Soidade". Agardo que vos gusten.

Coordinou o proxecto o José Estevez, cunha dedicación ilusionada que ao fin foi recompensada coa sua publicación no mes de xuño de 2017. O libro contén máis de 500 achegas (debuxos, poemas, etc.) de todos os sectores: culturais, políticos, sindicais, etc. Inclúense as das rapazas e rapaces dos centros educativos da Terra Cha. Case seiscentas páxinas cheiñas de arte.




Anastàsia Aranda sostén o libro, no que ela tamén
participa cun fermoso relato: SOIDADE



Xosé Casar
      (Piteira)
(Sant Boi de Llobregat)

A RIBAS PEQUENAS

Ribas Pequenas é unha aldea do concello de Bóveda, a uns once quilómetros de Monforte de Lemos. Nela nacín, na “Casa de Piteira” e nela pasei, cos avós, os meus primeiros anos. (Piteira))


   Non canta na Chá ninguén,
escribícheslle á morriña...
a Chá de Ribas, tamén,
cala na lembranza miña.

   Eu na Chá de Ribas vía
aquel carriño cantar...
Teu carro, Manuel María,
teu carro non vai calar!

   E nas pedras xa rechía
a roda co ferro dando,
mentres o eixo asubía
vai o carro camiñando.

  Ai soidades, ai soidades,
nunca me ides deixar?
A carón de min andades
sen deixarme respirar.

   Tan lonxe de ti me vexo,
mais tan pretiño ti estás!
Ai, lonxe por non chegarche;
preto, pois no peito vas.

   Ribas Pequenas, terriña,
o primeiriño que eu vin,
non che esquezo, queridiña,
aldeíña onde eu nacín.


 
Anastàsia
    Aranda
(Sant Boi de Llobregat)

 SOIDADE
    Arrodeada de mar, no frío da noite. Alagada da dozura das amendoeiras.
   
    Así nacín eu.
    
    Mans e pes de aroma de meniña. Pel de pexego asucada de infancia rematada de inventar, estouro de luz do ceo da miña terra.
    
    Colores vivos, nítidos, claros coma non hai máis...ningures.
    
    Onde agora estou vexo o mesmo mar e aló, lonxe, un fío da miña terra bañada polas mesmas ondas que van e veñen mollándome os pes derriba da area fría. Suaves ondadas de brisa de romeu case en flor, de mimosa florida, mestura de perfumes de inocencia.
    
    Este sol de inverno que anhelaba quentarme a cara, pechados os ollos, as mans estendidas que queren tocar os olores que nadan na escuma que atrápame e lévame. Atraveso verdes e azules cara o fío de terra.
    
    Chego alá, ao bosque de amendoeiras que me agarda. Alá onde paseaba pola doce aroma da alfombra de flores brancas e rosadas. Atravesándoo atopo a casa coas fiestras de aire claro que mira cara os arbores, cara a praia onde se chega polo camiño das oliveiras.
    
    Torcidas ramas adornadas de amargas sementes, corazón de madeira, medran pacientes cheas de vida e agardan a súa rolda para mudar de color e coller novos aromas do romeu e a sal da auga da miña terra.
   
    Volto a ollar e nada cambia.
    
    Vexo como a brisa mestura a auga dos meus ollos coa sal das ondas que veñen e van.
    
    O mar colle a miña lembranza e devólveme aromas de soidade.
 

sábado, 20 de julio de 2013

CEA, MARIÑEIRO, CEA



Fotografía de Teresa Aranda ©  


Morren nas penas
as salgadas ondas,
morren nas fondas
buracas alén
e mórreme o espírito
ollándome lonxe,
ollándome lonxe
do meu doce ben.

Non te vaias amor,
amor non te vaias,
non te vaias coas ondas
salgadas do mar,
volve comigo
amor mariñeiro,
que eu morro de pena
se te vexo marchar.

Cea, mariñeiro, cea...

A praia dourada
que deixas atrás
agarda que volvas
do duro vogar.

Cea, mariñeiro, cea...

Eu tamén quero,
mariñeiriño,
verte que volves
ao teu fogar.

E se non volves,
ai, queridiño,
non poderei
deixar de chorar.
E se non volves,
mariñeiriño,
se ti non volves
ireite buscar.

Subirei na escuma,
nadarei no sal,
vogarei sen remos
nas augas escuras,
vogarei chorando
as bágoas máis duras,
morrerei nas penas
que agardan as ondas
salgadas do mar.

sábado, 24 de noviembre de 2012

POMBA MARIÑEIRA



Ven connosco, pomba branca
e non deixes de voar,
ven connosco, branca pomba,
imos xuntos a vogar.
Ti no vento, pomba branca,
nós nas corgas, ti no ar.
Ti vixía do camiño,
nós ollándote pasar.
Ti facendo novo niño
nun carballo, nunha leira,
nun valado, nun pombal.
Ai pombiña compañeira
olla sempre o noso andar.
Ai pombiña mariñeira
ven connosco deica o mar.

 Licencia de Creative Commons
POMBA MARIÑEIRA by Xosé Casar Gómez is licensed under a Creative Commons Reconocimiento-NoComercial-SinObraDerivada 3.0 Unported License.




viernes, 27 de julio de 2012

MENIÑA


 Foi detrás da noite negra
cos olliños bagoados,
foi lembrando as amizades
que no camiño quedaron.

Aínda non ves, miña nena,
non ves que alí te deixaron?
No Camiño de Santiago
nunca máis irán vagando.

Foron marchando aos poucos
sen adeus dicir sequera,
sen dicir cousa ningunha...
Ai meniña, miña nena!

No camiño que ti levas
hai fontiñas de auga fresca
para a sede peregrina,
para as ánimas sedentas.

Non esquezas, queridiña,
non esquezas os carreiros,
as corgas, corredoiras,
os amigos verdadeiros.

Pois de ti foron compaña
canda os luceiros do ceo,
canda os grilos cantadores,
meniña, doce amor meu.

Vai detrás da noite negra,
vai cos olliños cegando,
co sorriso nos teus beizos,
co corazón camiñando.

Canta meniña, canta,
que cantando vaise a pena,
Canta meniña, canta!
Ai meniña, miña nena!

domingo, 5 de febrero de 2012

ATURULOS

 
Xa se escoitan nos camiños,
xa os escoito aturular,
alugados e fouciños
acó veñen a segar.

Veñen de lonxe os seus pasos,
lonxe deixaron o lar,
o sol queimándolle a fronte
premendo a fouce nas mans.

Cantando polo camiño
á chousa chegando van,
veñen face-la seitura,
 é a colleita do pan.

Levan nos seus aturulos
medicina para curar
a saudade que padecen
no seu duro camiñar.

E nos aturulos teñen
menciña para acougar
dores por andar tan lonxe,
ai, tan lonxe do fogar.


Safe Creative #1202051031883

viernes, 3 de febrero de 2012

EU VINO

E vexo o tempo,
olla, olla ben.
Non o ves?
Aló, riba do pensamento,
trala mirada dos soños.
Aló, naquela artesa,
trala cociña, lonxe da brisa.
Non o ves?
Aló, no bruar dos carballos,
nos olores das xestas.
Eu vino,
olla…
Aló, tralas noites sen lúa,
noites pechadas dun inverno frío.
Olla, olla ben. Non o ves?
Fíxate ben!
Aló, nas pegadas do camiño,
nas rodeiras do carro,
nos xugos, nas cangas…
Aló, lonxe, moi lonxe,
nos prados, nos valados,
nos outeiros…
Aló, lonxe, moi lonxe,
aló o vexo,
aló, o tempo.


Safe Creative #1202021017749

jueves, 19 de enero de 2012

LEMBRANZAS

 
Orballo de mañanciña,
cheiro de terra mollada,
verdor daquela herbiña
que a choiva deixou deitada.

 Paisaxe mudo de inverno
de folerpas ben estrado,
fumeira urxida do averno
riba dun monte furado.

 Andan as burgas fervendo
o sangue do noso chan,
feitizos andan facendo
meigas que veñen e van.

 Nos soños andan á espreita
lembranzas daqueles días
voando de esquerda á dereita,
voando nas noites frías.


 Safe Creative #1201180934850

domingo, 6 de noviembre de 2011

CANTIGAS DO SAMAÍN



O samaín xa chegou
e con el a xente nosa,
que a escura raia pasou,
xa saíu da negra fosa.

Temos que prender o lume
e nel asar os bullós;
ten que verse ben o fume
para que cheguen onda nós.

Temos que tratalos ben
pois de lonxe veñen vernos;
algún día nos tamén
voltaremos dos avernos.

Que se senten onde as chamas
e que os coman ao quentiño,
que se deiten nesas camas,
deles foran aloumiño.

Canda eles comeremos
e beberemos bo viño
e con eles cantaremos
cantigas para o camiño.

Chegando o día se irán
e quedará a escuridade,
mais as lúas pasarán,
despois virá a claridade.

O samaín xa chegou
e con el a xente nosa,
que a escura raia pasou,
xa saíu da negra fosa.
  
Safe Creative #1111050455166